............
| GRAZAS. Estas seis letras iniciais deixarán de ser tan só unha palabra sempre que pense ou fale do Colexio Martínez Otero de Foz. Hoxe, martes día 26 de setembro de 2023, foi o meu derradeiro día de exercicio como docente nesta institución. No curso 2012/2013, hai xa once anos, o padroado do Martínez Otero confiou nun utópico rapaz de 25 anos para impartir as linguas na secundaria, permitíndolle, así, facer da súa vocación profesión. Máis dunha década despois, “o Cole” fixo de min unha mellor persoa, un mellor compañeiro e [gústame crer que] tamén un mellor docente. Deume persoas inesquecibles, amizades e vivencias únicas con alumnado, familias e compañeiros/as. Deume un segundo fogar, onde sentirme acollido, valorado e realizado profesionalmente. Deume, e agasalloume, lembranzas que serán difíciles de esquecer e que, nun día coma hoxe, latexan con máis forza no meu corazón e na miña memoria. Deume, en definitiva, moito máis do que eu puiden e poderei devolverlle á institución. Hai trens que só pasan unha vez na vida, son consciente diso e este é o caso, pero resulta moi difícil subir neles sen botar a vista atrás e estrañar todo o vivido. Novos retos profesionais agardan por min ben lonxe de Foz. Estas novas e exixentes metas laborais serían dificilmente alcanzables sen todo o aprendido e realizado no Martínez Otero, posto que foi unha auténtica escola de vida. Permitide que finalice esta misiva coas mesmas seis letras coas que a iniciei. GRAZAS: ✅ A todo o ALUMNADO que tiven a sorte de coñecer e formar. Principio e final de todo o meu traballo. Cada un de vós, ao seu xeito, deixou unha fonda pegada en min. Convidástesme a esforzarme, cada día, para ser un mellor docente e un mellor titor. Grazas pola vosa curiosidade, polas vosas preguntas, polo voso esforzo e atención pero, sobre todo, polo voso cariño. Non deixedes nunca de pensar [por vós mesmos]. ✅ Ás FAMILIAS. Por confiardes no meu traballo como docente e pola vosa inestimable colaboración no desenvolvemento do meu labor titorial. A confianza que depositades en nós, para a educación dos vosos fillos e fillas, é o noso maior valor e aval como centro educativo. Grazas por crerdes no noso traballo onte, hoxe e cada novo curso académico. ✅ Aos meus, pasados e presentes, COMPAÑEIROS e COMPAÑEIRAS (docentes e Persoal de Administración e Servizos). Porque todo o inxente traballo, que na maioría das ocasións non se ve, sería imposible sen o voso apoio e axuda. Grazas por deixarme aprender de vós ao longo destes anos. Sodes o maior e mellor patrimonio que ten o Martínez Otero. Desde a distancia imposta polo meu novo destino, sempre me teredes preto para todo o que precisedes. «Moito que dicir e pouco que contar» dixo un humilde e irrepetible filósofo de Arteixo, creador de aforismos inesquecibles, nun día de fonda tristura para os seus pupilos. Hoxe, para min, é un deses días.
GRAZAS POR TODO, GRAZAS POR TANTO! Marcos Loureiro
| ............
|